O presidente de ACOPOVI Enrique Lorenzo vila foi o encargado de presentar o acto. No seu discurso de benvida tivo tempo para lembrarse de todas as nais que onte festexaban o seu día, así como para facer unha pequena reseña da vida de Valentín Paz Andrade, o avogado e escritor ao que se lle dedica o día das Letras Galegas este ano. O definiu como “unha persoa polifacética que fixo de Galicia a súa tarefa”. Foi membro da RAG e do Seminario de Estudos Galegos e un dos pioneiros na implantación de Pescanova e da Feira Mundial da Pesca en Vigo, alá polos anos 70. En canto ao Festival das Letras Galegas, dicir que só se cantan temas en galego (tres por cada coral), e que algunhas delas actuarán conxuntamente a modo de orfeón.
As actuacións
A primeira en cantar foi a Coral Polifónica “Rosalía de Castro” do Colexio de Médicos de Pontevedra, formada en 2005 con compoñentes doutras corais e dirixida por Iaroslav Dolisnii. Elixiron para esta ocasión Airiños, airiños aires, Meus amores e Flor do romero.
Logo subiu ao escenario a Coral Polifónica do Centro Social de Rivera Atienza, dirixida por Lino Borroto, que interpretou Os teus ollos, Acurdai e Chamáchesme moreniña.
A terceira agrupación foi a Coral Polifónica “Val do Fragoso” da A.VV. do mesmo nome, fundada en 1997 e que caracterízase por cantar os temas en versión orixinal (galego, latín, xaponés…) Está dirixida por Bruno Díaz e o seu repertorio foi Balaio, Bo serán e Cada noite.
A continuación tocoulle o turno ao Coro Rociero “Virxe do Rocío” do Calvario, creado en 2006 baixo a dirección de Juli Cardoso e que cantou Nana nana meu meniño, Ay Rosa e Nosa Virxe do Rocío.
A Coral Polifónica “Agarimo” da Asociación de Amas de Casa e Consumo foi a quinta en cantar. Fundouse en 1998 e no seu currículum figura a súa actuación na catedral de Santiago no Día do Apóstolo. Está dirixida por Lucas Alonso e interpretaron Meus amores, Terra meiga e Os cregos e os taberneiros.
A derradeira actuación foi a da Coral Polifónica “Allegro”, para os que unha coral é algo máis que cantar, porque escenifican parte dos seus temas. A súa directora é Preciosa Ucha e para este festival. Os espectadores tiveron a oportunidade de disfrutar da estrea do coro “Piccolo Allegro”, formado por nenas de entre 6 e 9 anos e que cantaron un tema conxunto (Popurrí galego) coa coral senior. Ademais, o propio coro "Allegro" cantou Negra sombra e Ficando sós.